Páginas

6.2.15

A porta dos contos

Nun vello post repetía unhas palabras de Georges Jean e lembraba que "o poder dos contos é un poder que dura e non hai dúbida que é inútil intentar poñer entre paréntese os aromas máis penetrantes do marabilloso".

É un feito que a imaxinación humana ten unha gran capacidade de adaptación. Como nos contou Angela Carter, superou, ás veces en condicións moi duras, tempos de colonización, de escravitude, de deportación, de esquecemento, de cárcere, de exterminio, e tamén de prohibicións lingüísticas. Por iso, rehabilitar o imaxinario popular, reivindicar unha pedagoxía da imaxinación, ao lado da cultura do razoamento, é unha necesidade vital. Nese sentido, os contos populares integran talvez o xénero de literatura máis antigo e divulgado. A Bela e a Besta, por exemplo, é un conto repetido tanto na Grecia clásica como na India da antigüidade. En certa medida, estes relatos, froito dunha tradición ancestral e dos contactos entre as culturas, forman parte dunha literatura de resistencia, un símbolo da xente humilde. Agora moitos deles áchanse repartidos por toda a Web. Internet é a porta de entrada para coñecelos, unha porta para a animación á lectoescritura.

Quizais non podamos entregar aos nosos alumnos un mundo libre de pesadelos e de conflitos; quizais desaparezan os lugares fermosos e verdes. Mais coa defensa do imaxinario e da lectura para transformar o mundo, estaremos ofrecéndolles, aínda por moito tempo, a palabra creadora. E abrir un conto, tamén en Internet, é como abrir unha porta a un mundo imaxinario. Cando esa porta se abre, acontecen cousas inesperadas:

Alguén fala coa Lúa ou pide un desexo a unha estrela fugaz. Talvez a esperanza perdida é recuperada nun bosque encantado. Ou ao mellor un bico transforma en príncipe unha ra verde. E aparece unha fada madriña que converte unha cabaza nunha incrible carroza. Tamén hai recordos e bágoas, e a inspiración dos mundos marabillosos levántase, vitoriosa, como unha ave fénix. E renace das súas cinzas. Por iso, é necesario explorar a porta dos contos, que tamén é a porta dos soños. Debemos escoitar a súa canción, e bailar, e bailar como un dervixe. Así, para que a imaxinación chegue, hai que abrir esa porta...

No hay comentarios: