Páginas

12.2.15

Lili e o canto das baleas

Contar historias é unha forma orixinal de ensino, como defende dende hai tempo Kieran Egan. Aínda que a narrativa non é algo novo, a idea de narración dixital en si mesma é algo novidosa, que forma parte do mundo actual. O ensino vive agora enchido de foros e wikis, xogos, vídeos e blogs, páxinas web e podcasts, nunha mestura de oralidade, escritura e comunicación visual. Se as historias antes eran importantes, agora son material diario de escola.

Os creadores de Storyteller Media Group considéranse uns narradores dixitais. Producen e distribúen presentacións, documentais e series para televisión e internet e tamén para plataformas móbiles. Dende aquí, a súa única dificultade radica no seu idioma, que é o inglés, por suposto. Ao revisar a súa canle en YouTube, achei un gran documental sobre as baleas, WhaleSong, e recordei unha historia. Creo que foi Dyan Sheldon quen a contou antes, pero xa non estou seguro de que fose o mesmo relato...

Un día, a avoa dunha nena chamada Lili explicoulle que hai tempo había baleas nos océanos. Eran tan grandes como outeiros e pacíficas como a Lúa...

Sentábame ao final do peirao a esperalas. Avanzaban danzando a través das augas. E como sabían que ti estabas alí? Como te atopaban, avoa?, preguntou Lili. A súa avoa sorriu. Ah, tiñas que levarlles algo especial. Unha bucina ou unha pedra de formas perfectas. E se ti lles gustabas, as baleas aceptaban o teu regalo e dábanche algo a cambio. E que che deron, avoa?, preguntou Lilí, que recibiches ti das baleas? Entón, a avoa de Lili suspirou. Unha ou dúas veces, murmuroulle, unha ou dúas veces oínas cantar.

Nese momento, o tío Federico irrompeu no cuarto e dixo bruscamente:

Non es máis que unha vella tola! As baleas foron valiosas pola súa carne, polos seus ósos e pola súa graxa! Se queres contarlle unha historia a Lili procura que se trate de algo útil, non lle enchas a cabeza con parvadas...!

Pero a avoa de Lili continuou: Aquí viviron as baleas millóns de séculos, xa antes de que existisen barcos, cidades e mesmo os homes das cavernas. Dicíase delas que eran máxicas.

Cando se durmiu, Lili soñou con baleas. No seu sono oíunas cantar como o vento. Saltaban sobre as augas e chamábana polo seu nome. Pola mañá, Lili baixou ao océano.
Camiñou ata o final do vello peirao, onde non había ninguén... Sacou do seu peto unha flor amarela e deixouna caer: Isto é para vós!, berrou ao vento. Lili sentouse ao bordo do peirao a esperar. Cando comezaba a escurecer, tío Federico baixou do outeiro a buscala.

Abonda xa de loucuras!, dixo imos para a casa!, non podes pasar a vida soñando!

Aquela noite, Lili espertou de súpeto. A luz da Lúa iluminaba o seu cuarto. Incorporouse e puxo atención. A casa estaba en silencio. Lili saltou da cama e achegouse á ventá; oía algo na distancia, dende o outro lado do outeiro. Saíu da casa e correu cara á costa, mentres o seu corazón latexaba cada vez con máis forza. Alí, no océano, estaban as baleas. Saltaban, brincaban e xiraban iluminadas pola Lúa. O seu canto inundaba a noite. Lili viu a súa flor amarela mexéndose entre a escuma.

Pasaron minutos, quizais horas. De pronto, Lili sentiu a brisa movendo o seu camisón. Tiña os pés xeados, comezou a tiritar, refregou os ollos. O mar volvera á calma e a noite xa era moi escura. Lili pensou que todo tería sido un sono. Ergueuse para volver cando de súpeto, dende lonxe, dende moi lonxe, como un murmurio do vento, oíu...

Lili! Lili! Lili!

As baleas chamábana polo seu nome...

(vía Educa con TIC)

No hay comentarios: