As historias de Ismaíl de Saidabad chegaron á maior librería do mundo, a Amazon. Está dispoñible en formato dixital, aínda que pódese ler na maioría dos navegadores web. Pero tamén hai unha bonita versión en papel, para ler como sempre…
Contar historias é unha forma orixinal de ensino, como defende dende hai tempo Kieran Egan. Aínda que a narrativa non é algo novo, a idea de narración dixital en si mesma é algo novidosa, que forma parte do mundo actual. O ensino vive agora enchido de foros e wikis, xogos, vídeos e blogs, páxinas web e podcasts, nunha mestura de oralidade, escritura e comunicación visual. Se as historias antes eran importantes, agora son material diario de escola.
Os creadores de Storyteller Media Group considéranse uns narradores dixitais. Producen e distribúen presentacións, documentais e series para televisión e internet e tamén para plataformas móbiles. Dende aquí, a súa única dificultade radica no seu idioma, que é o inglés, por suposto. Ao revisar a súa canle en YouTube, achei un gran documental sobre as baleas, WhaleSong, e recordei unha historia. Creo que foi Dyan Sheldon quen a contou antes, pero xa non estou seguro de que fose o mesmo relato...
Un día, a avoa dunha nena chamada Lili explicoulle que hai tempo había baleas nos océanos. Eran tan grandes como outeiros e pacíficas como a Lúa...
Sentábame ao final do peirao a esperalas. Avanzaban danzando a través das augas. E como sabían que ti estabas alí? Como te atopaban, avoa?, preguntou Lili. A súa avoa sorriu. Ah, tiñas que levarlles algo especial. Unha bucina ou unha pedra de formas perfectas. E se ti lles gustabas, as baleas aceptaban o teu regalo e dábanche algo a cambio. E que che deron, avoa?, preguntou Lilí, que recibiches ti das baleas? Entón, a avoa de Lili suspirou. Unha ou dúas veces, murmuroulle, unha ou dúas veces oínas cantar.
Nese momento, o tío Federico irrompeu no cuarto e dixo bruscamente:
Non es máis que unha vella tola! As baleas foron valiosas pola súa carne, polos seus ósos e pola súa graxa! Se queres contarlle unha historia a Lili procura que se trate de algo útil, non lle enchas a cabeza con parvadas...!
Pero a avoa de Lili continuou: Aquí viviron as baleas millóns de séculos, xa antes de que existisen barcos, cidades e mesmo os homes das cavernas. Dicíase delas que eran máxicas.
Cando se durmiu, Lili soñou con baleas. No seu sono oíunas cantar como o vento. Saltaban sobre as augas e chamábana polo seu nome. Pola mañá, Lili baixou ao océano. Camiñou ata o final do vello peirao, onde non había ninguén... Sacou do seu peto unha flor amarela e deixouna caer: Isto é para vós!, berrou ao vento. Lili sentouse ao bordo do peirao a esperar. Cando comezaba a escurecer, tío Federico baixou do outeiro a buscala.
Abonda xa de loucuras!, dixo imos para a casa!, non podes pasar a vida soñando!
Aquela noite, Lili espertou de súpeto. A luz da Lúa iluminaba o seu cuarto. Incorporouse e puxo atención. A casa estaba en silencio. Lili saltou da cama e achegouse á ventá; oía algo na distancia, dende o outro lado do outeiro. Saíu da casa e correu cara á costa, mentres o seu corazón latexaba cada vez con máis forza. Alí, no océano, estaban as baleas. Saltaban, brincaban e xiraban iluminadas pola Lúa. O seu canto inundaba a noite. Lili viu a súa flor amarela mexéndose entre a escuma.
Pasaron minutos, quizais horas. De pronto, Lili sentiu a brisa movendo o seu camisón. Tiña os pés xeados, comezou a tiritar, refregou os ollos. O mar volvera á calma e a noite xa era moi escura. Lili pensou que todo tería sido un sono. Ergueuse para volver cando de súpeto, dende lonxe, dende moi lonxe, como un murmurio do vento, oíu...
O autor do ensaio Pulgarcita, o profesor francés Michel Serres, afirma que antes de ensinar o que sexa a quen sexa, polo menos hai que coñecelo…
O mundo cambiou tanto que os mozos teñen que reinventar a roda. Así nace un novo ser humano, que o autor bautízao como Polgariña, sobre todo pola súa capacidade para enviar mensaxes co polgar. As sociedades occidentais experimentaron dúas revolucións: a transición do oral ao escrito, e o paso de escribir nunha lousa a escribir en libros. Agora vivimos a terceira revolución: a transición ás novas tecnoloxías. E non hai progreso ou desastre, xa sexa bo ou malo, esta é a realidade. Por esa razón, a xeración Pulgarcita ou Polgariña terá que reinventar unha nova forma de vivir xuntos, institucións e formas de ser e coñecer.
(vía Ibertic, Instituto Iberoamericano de TIC y Educación)
No século XXI a clave de moitas situacións de aprendizaxe son os chamados artefactos dixitais, creacións vinculadas a proxectos que requiren o manexo de ferramentas propias das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Asi pois, parece ben razoable propoñer algunha definición de "artefacto dixital", que pode ser un bo produto final para calquera proxecto de aprendizaxe educativo que se relacione coas TIC. Falamos, por exemplo, de blogs, comics ou animacións, álbums fotográficos, infografías ou liñas do tempo, mapas mentais ou conceptuais, podcasts, xeolocalizacións, presentacións ou videos, entre moitos outros.
Foi durante o mes de xullo do ano 2011, máis ou menos, cando eu mesmo empecei a falar de certos artefactos para imaxinar e inventar historias. Esa palabra navegou libremente polas distintas redes e adaptouse a outros significados e a outras referencias. Por exemplo, e como acabo de mostrar, hoxe en día sabemos dos Artefactos Dixitais, o proxecto citado de Conecta 13; e tamén dos Artefactos Multimedia, que é unha idea desenvolvida polo compañeiro Néstor Alonso en Educa con TIC. Naquel tempo, os meus artefactos bebían con emoción nas fontes dos contos populares. Agora están a desexar a súa renovación...
A sección denominada Contos está dedicada, sobre todo, aos relatos audiovisuais que atopamos en Internet, pero que teñan a súa orixe no mundo do conto popular. Pois, como dixo Georges Jean, "o poder dos contos é un poder que dura e non hai dúbida que é inútil intentar poñer entre paréntese os aromas máis penetrantes do marabilloso".
Para comprobalo, só hai que escoitar a esta pequena contacontos...
Ana Real, a profesora de Relixión, foi a primeira compañeira en ofrecernos algúns enlaces que considera de interese para esta iniciativa. Desde aquí agradecemos o seu detalle, e a súa rapidez, pois sabemos que é una boa usuaria de Internet e das novas tecnoloxías.
Mentres valoramos estes sitos web para a súa integración no noso catálogo de enlaces, mostramos a súa valiosa axuda.
Hai tempo, un poeta dixo que a poesía era un arma cargada de futuro. E como o futuro sen as novas tecnoloxías non parece posible, deixamos para ler algúns versos do poema Ítaca, de Konstantino Kavafis:
Ten sempre a Ítaca na memoria. Chegar alí é a túa meta. Mais non apures a viaxe. Mellor que se estenda longos anos; e que na túa vellez chegues á illa con todo o que gañes no camiño, sen agardar que Ítaca che enriqueza.
Ítaca regalouche unha fermosa viaxe. Sen ela o camiño non terías empezado. Mais ningunha outra cousa pode darche...