Páginas

5.3.13

Que pasaba no mundo cando ti naciches?

En certa webquest, hai xa tempo, dicíase que o seu traballo sería realizado en grupos pequenos, e que se formarían atendendo ás instrucións que daría o profesor en cada momento. Cada grupo levaría a cabo a súa investigación de xeito libre e cooperativa, solicitando toda a axuda que fora necesaria. Claro que agora estamos CEIP Isaac Díaz Pardo e que todos somos, ao mesmo tempo, alumnos e profesores. En consecuencia, se vos apetece participar, a vosa misión única consistirá en resolver as tarefas que se indican a continuación, que vos permitirán achar determinada información online. Cun pouco de sorte, serviranvos para outros procesos de aprendizaxe que con toda certeza seredes capaces de imaxinar. Esas tarefas son:

1) Explicar o significado do teu nome, ou os nomes dos teus familiares e amigos. E, ademais, coñecer a distribución dos apelidos nas distintas comunidades do país. Así, se levas esta busca á aula, os teus alumnos poderán entender mellor o significado do seu propio nome, dos nomes dos seus pais, dos seus irmáns e amizades.

2) Descubrir que feitos se recordan ou se celebran no día e mes do teu nacemento. Se esta actividade se fai na escola, será moi grande a cantidade de historias sorprendentes que poden xurdir. 3) Descubrir algúns acontecementos sociais, políticos, ou culturais que sucederon na época da túa chegada ao mundo. Ou mesmo feitos científicos, como saber a disposición do Sistema Solar o día do noso nacemento. Para os nenos e adolescentes será unha forma divertida de coñecer a ciencia e historia máis contemporánea. 4) Encontrar personaxes ilustres ou con certa fama cos que compartas a túa mesma data de aniversario. Por exemplo, con ese mesmo requisito, aos alumnos pódeselles indicar que traten de encontrar moitos personaxes célebres, históricos ou actuais: actores, músicos, escritores, deportistas, políticos, etc. Sabendo a importancia que teñen o cine, a televisión e as redes sociais, o éxito está case garantido. 5) Buscar os títulos de películas, de series ou programas de televisión, de cancións ou de libros, ou de videoxogos se é o caso, e que fosen moi populares durante o ano en que naciches. Encontra polo menos tres títulos que che suxiran algo que foi relevante na túa vida. O paso do tempo funciona de igual xeito, tanto para os profesores coma para o alumnado, pero aquí as nosas buscas serán un pouco máis longas...

1 comentario:

Loida P dijo...

Me parece una idea genial ¡¡¡ 5 años A se apunta!!